O CHUS REALIZA O PRIMEIRO CASO EN ESPAÑA DE CIRURXÍA MICROPERCUTÁNEA DA LITÍASE RENAL NUNHA PACIENTE PEDIÁTRICA

O CHUS REALIZA O PRIMEIRO CASO EN ESPAÑA DE CIRURXÍA MICROPERCUTÁNEA DA LITÍASE RENAL NUNHA PACIENTE PEDIÁTRICA

Unha paciente pediátrica con litíase renal foi intervida no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago mediante unha técnica coñecida como cirurxía micropercutánea. É a primeira vez en España que se emprega esta técnica nunha paciente en idade pediátrica.
A paciente, de 14 anos, tiña un cálculo de gran tamaño (sobre 3 centímetros de diámetro) situado no seu ril dereito que lle provocaba dor. Mediante a cirurxía micropercutánea, os doutores Daniel Pérez-Fentes e Camilo García Freire da Unidade de Endouroloxía e Litíase do Servizo de Uroloxía do complexo, accederon á cavidade renal cun orificio único de 2,4 mm de diámetro, a través do cal introduciron unha microcámara e unha fibra láser coa que se pulverizou o cálculo, sen necesidade de extraer ningún fragmento. A cirurxía, que se practicou a principios do mes de novembro,  resolveuse sen complicacións, e permitiu que a paciente fora dada de alta ás 24 horas da intervención, completamente asintomática.
Antes, os doentes con cálculos renais de gran tamaño eran intervidos mediante cirurxía aberta, co elevado risco de hemorraxia, perda do ril, estadías hospitalarias longas e elevados custes sociais pola tardía reincorporación á vida laboral tras a cirurxía. No CHUS, dende hai anos, ofréceselles a estes pacientes a posibilidade de realizar estas intervencións mediante a técnica chamada nefrolitotomía percutánea. Nesta, accédese á vía urinaria do paciente a nivel renal a través dun orificio único de 8 milímetros de diámetro, conseguindo fragmentar e extraer as litíases. Mediante esta nova abordaxe cirúrxica, no complexo xa se trataron até hoxe en día 184 pacientes, cunha porcentaxe de éxito dun 90%, unha taxa de transfusión inferior ao 3% e unha estadía mediana postoperatoria de 3 días. En opinión dos doutores García e Pérez-Fentes, estes resultados son excelentes, similares aos de grandes centros de excelencia internacional.
De feito, a Unidade de Endouroloxía e Litíase do Servizo de Uroloxía do CHUS é,  dende hai anos, a referencia a nivel galego no tratamento da litíase urinaria e un dos centros de excelencia a nivel nacional en técnicas endourolóxicas, realizando cursos específicos de formación, aos que asisten urólogos doutras comunidades autónomas interesados neste tipo de procedementos. Ademais deste labor asistencial, a unidade  ten unha intensa actividade científica, sendo a súa principal liña de investigación a  busca de abordaxes cada vez menos agresivos para mellorar a calidade de vida dos  pacientes, co mínimo dano posible aos tecidos.
Neste sentido, a cirurxía micropercutánea supón un avance na abordaxe percutánea  convencional que se realiza habitualmente. Agora poderase acceder á cavidade renal a través de orificios mínimos, de entre 1,2 e 2,4 milímetros de diámetro. Loxicamente, isto vai supoñer un impacto mínimo sobre os pacientes, con menor dor, menor risco de complicacións, e menor custe social, dado que se podería pensar a súa realización en réxime de cirurxía ambulatoria. Ademais, a reincorporación á vida laboral destes pacientes podería ser case inmediata.
A experiencia a nivel europeo con cirurxía micropercutánea é escasa. Até agora só se aplicara en poboación adulta. Sen embargo, os doutores cren que esta experiencia pioneira nunha nena de 14 años demostra que, na súa opinión, a cirurxía  micropercutánea vai ser unha excelente indicación para os nenos que padecen esta enfermidade. “En pacientes pediátricos con litíases renal é vital que a técnica sexa, ademais do máis resolutiva posible, de mínimo ou nulo dano sobre estes riles”, comenta o Dr. Pérez-Fentes.
“En canto aos adultos, a cirurxía micropercutánea vai ser un extraordinario complemento ao resto de dispositivos dos que dispoñemos actualmente no CHUS para o tratamento integral da litíase. Estamos convencidos de que os nosos pacientes vanse beneficiar deste tipo de avances. Como unidade de referencia, cremos que debemos liderar e colaborar no progreso destas técnicas cara a mínima invasividade”, afirma o Dr. García Freire, xefe do Servizo de Uroloxía do CHUS.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Empregamos cookies propias e de terceiros para fins analíticos en base a un perfil elaborado a partir dos seus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Podes obter máis información ou ben coñecer como cambiar a configuración na nosa política de cookies.   
Privacidad