«O ril é un órgano silencioso, polo que convén estar atento»

 Alfredo Saborido participou no hospital na mesa informativa sobre a enfermidade renal.

O Día Mundial «é un espazo para reflexionar, tomar a decisión de ser doante de órganos e transmitilo á familia»

Marga Mosteiro12 de marzo de 2015.

Alfredo Saborido, traballador social de Alcer e paciente renal, participou onte na mesa informativa no Hospital Clínico como antesala as actividades programadas para hoxe en Compostela, Ferrol e A Coruña con motivo do Día Mundial do Ril. No hospital, varios enfermeiros colaboraron con Alcer na realización de probas médicas «sinxelas a voluntarios que poden permitir detectar problemas renais».

-¿Cales son os síntomas da enfermidade renal?

-O ril é tremendamente silencioso e no momento en que presenta algún síntoma, o estadio da enfermidade é bastante avanzado. Polo tanto, é moi importante o diagnostico precoz e resulta fundamental que as persoas estean sensibilizadas na importancia de facer controis habituais.

-¿Que probas poden detectar os problemas?

-Podemos facer análises de urina ou de sangue, que son fórmulas de control sinxelas para avaliar a función renal e comprobar se funciona de forma correcta. É bo estar atentos cando se teñen tensións o glicemias altas, porque son índices relacionados con fallos renais. Un 10 % da poboación do Estado español sufre algún tipo de afección, pero isto non quere dicir que estean en hemodiálise nin esperando un transplante, pero si que teñen un funcionamento renal non correcto.

-¿Estamos concienciados na necesidade de ser doantes de órganos?

-O ano pasado fixéronse 174 transplantes en Galicia e houbo un descenso na lista de persoas pendentes dun transplante. En Galicia somos pioneiros con respecto a doazóns e transplantes, pero non quere dicir que non debamos facer unha reflexión para entender por que hai persoas que non quere ser doantes. O número debía crecer sempre.

-¿Que retrae á hora de facer doazóns?

-Cremos que moitas veces non falamos destas cousas, porque falar de morte non deixa de ser unha cuestión tabú. Por iso a necesidade de crear espazos de reflexión, como o Día Mundial do Ril, para que a xente poida tomar libremente a decisión de ser doante e de comunicarlle á familia a súa intención. Isto permite que as familias saiban como reaccionar nun momento en que os sentimentos, as emocións e a intensa dor dificultan a toma de decisións. A doazón ten que ser algo resolto dende moito antes e debe reflexionarse.

Alfredo Saborido Traballador social de Alcer

Fuente: La Voz de Galicia (Santiago)

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Empregamos cookies propias e de terceiros para fins analíticos en base a un perfil elaborado a partir dos seus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Podes obter máis información ou ben coñecer como cambiar a configuración na nosa política de cookies.   
Privacidad