Nas pasadas festas do Nadal, en 2012, a Concellaría de Cultura repetiu coa experiencia dos campamentos. De novo, foi unha iniciativa exitosa e constatouse a súa idoneidade para os cidadáns do municipio.
Con esa base sólida da participación alta e os bos resultados, o Concello crea agora os Campamentos de Primavera. A idea é a mesma: aproveitar os días non lectivos da Semana Santa para proporcionar unha actividade aos nenos cullerdenses, quen ademais de recibir atención, desenvolven actividades educativas.
Os campamentos urbanos de primavera celebraranse no Burgo, no Edificio de Servizos Múltiples. Terán lugar desde o 25 de marzo ao 1 de abril, fóra dos días festivos e o sábado. Diríxense a nenos de 3 a 12 anos de idade, tendo preferencia os empadroados no municipio de Culleredo.
A actividade poderá abarcar oito horas e media de cada mañá, co que se proporcionará unha atención aos nenos mentres os pais desempeñan as súas obrigacións laborais. Así, os campamentos en si teñen lugar de 9.00 a 14.00 horas, pero pódese optar ao almorzo, de 7.30 a 9.00 horas, e á comida, de 14.00 a 16.00 horas.
O programa de actividades estará guiado pola educación ambiental, especialmente apropiada coa chegada da primavera. levarán a cabo actividades na contorna de Culleredo para promover o respecto ao medio e o coñecemento do municipio.
O Concello informa de que o prazo de preinscrición abarcará desde o 25 de febreiro ao 1 de marzo. Para formalizala deben dirixirse á Concellaría de Cultura, sita no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo.
A concelleira de Cultura, Alicia Ferreiro, apunta que cos campamentos o Concello quere ofrecer unha “alternativa educativa e de lecer” a que os pequenos pasen boa parte das vacacións en casa, ademais dunha “completa oferta cultural e educativa”.
Ferreiro entende que as iniciativas municipais deben adaptarse á demanda e necesidades manifestadas polos veciños e neste caso o éxito rotundo dos campamentos en Nadal impulsou o nacemento desta versión na primavera, da que espera unha acollida similar.