Carlos Iglesias y Mar Laya, en la redacción de El Entorno Metropolitano |
Culleredo-. María Pan
O 10% da poboación sofre ou ten moitas posibilidades de padecer una enfermidade renal ao longo da súa vida e moitos de eles precisarán dun ril para seguir vivindo. Cada día entran en diálese 8 persoas e o 12% da xente que espera por un trasplante de ril morre antes de que chegue o órgano.
Precisamente para concienciar sobre a necesidade de facerse doante, a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril, Alcer, vén de levar a cabo unhas xornadas de sensibilización na universidade Laboral entre alumnos de Bacharelato.
Unas xornadas que, tal e como explica Carlos Iglesias, membro da xunta directiva de Alcer Coruña, foron todo un éxito. En parte, asegura, pola cantidade de mulleres que había nas aulas xa que, apunta, está comprobado que a muller está máis sensibilizada coas doazóns e a cifra de que o 60% dos doantes do ano pasado sexan homes así o confirma, ao ser a súas parellas, a maioría das veces, as que dan a autorización para doar.
Estas xornadas de concienciación chegan a toda a poboación en diferentes momentos do ano, co obxectivo de incrementar esa cifra do 33,1% de doantes por cada millón de habitantes que hai en Galicia.
O ano pasado, as charlas en Culleredo fixéronse con nenos de 4 e 5 anos e a acollida foi excepcional. Nese caso, apunta Mar Laya, a educadora social de Alcer, explicouse o tema da doazón con bonecos e xoguetes, onde as pilas eran os órganos que deixaban de funcionar. Dende Alcer non teñen ningunha dúbida de que todos os rapaces lles contaron aos seus pais a historia. O obxectivo de chegar á poboación estaba garantido.
Doar é salvar vidas
Concienciar á xente da importancia de ser doante é un dos obxectivos de Alcer Coruña, que invita a facer o carné de doante. Un carné que, se ben non é un documento oficial, pesa bastante para que a familia dea o seu consentimento para doar.
Dende Alcer queren deixar claro que toda persoa maior de idade pode ser doante, sen haber un tope de idade, e lembran que o ano pasado catro dos doantes tiñan 90 anos. O importante para poder doar, aseguran, é que os órganos estean en boas condicións, por iso non hai garantías de que a doazón sexa posible. De cada 100 persoas que teñen o carné de doante, soamente unha pode ser doante. E de cada cinco que poderían ser doantes, unha familia se nega.
As cifras de doantes en Galicia caeron nos últimos anos entre persoas falecidas, mentres medra a doazón entre persoas vivas, como é o caso da doazón de ril, chegándose a incrementar nun 11%. Os trasplantes entre vivos son cada vez máis exitosos, grazas aos trasplantes cruzados que poñen en contacto a dous pacientes con dous doantes compatibles.
Como explica Carlos, que foi trasplantado hai uns anos, durante o tempo que estivo en diálese estivo “esperando a que aparecese un ril gracias a alguén que foi solidario no seu momento e pensou que os seus órganos podían servir para outra xente e salvar vidas”.
Os interesados en facerse doantes poden recoller os papeis na oficina de Alcer, ubicada na Costa da Lonxa (Culleredo). Deberán cubrilos e envialos ao CHUAC, onde teñen a sede central, ou entregalos no Sergas.
Axuda aos enfermos renais
Dende o seu nacemento en 1976, a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (Alcer) está axudando aos enfermos renais. A partir do ano 2003, a entidade volcouse nunha serie de proxectos que contan con financiación pública e que permiten que os enfermos leven unha vida mellor. Os proxectos que desenvolve Alcer Coruña son:
– SIO: Servicio de Información e Orientación.
– Bule con Alcer: un programa de exercicio físico e psicosocial que se desenvolve en once concellos da provincia.
En Culleredo desenvólvense as actividades para os enfermos dos concellos do Consorcio das Mariñas.
– Alcer 7 vidas: un programa de promoción sobre os transplantes de órganos. O programa “Salvavidas” enmárcase neste proxecto.
– Doar palabras: intercambio de material de lectura nas unidades de hemodiálise. Actualmente están estudiando a posibilidade de incorporar, nun futuro, o uso das tablets.
– Alcer no fogar: a través deste proxecto, os enfermos poden levar a cabo a diálese peritonial na casa.
Os interesados en contactar con Alcer poden facelo na web da asociación, no seu Facebook e Twitter ou na oficina de Culleredo, con cita previa.
ElentornoMetropolitano