Enfermidade Renal crónica

A maioría das persoas teñen dous riles, aínda que é posible vivir cun só. Os riles son imprescindibles para a supervivencia, xa que levan a cabo as seguintes funcións:

-Limpar e filtrar o sangue

-Eliminar o exceso de líquido e as toxinas producindo os ouriños

-Manter o equilibrio entre as diferentes sustancias que hai no sangue

-Controlar a presión arterial

-Evitar a aparición de anemias

-Face posible a regulación hormonal de funcións relacionadas coa resposta sexual.

A ERC é un estado caracterizado pola diminución significativa e progresiva das funcións dos riles. Esta situación, pode descubrirse porque se observen datos anormais nas análises e exploracións ou ben porque aparecen os seguintes síntomas:        

-Alteración na frecuencia de veces que se ouriña (maior necesidade durante a noite)

-Falta de apetito

-Cansazo

-Náuseas/vómitos

-Dores de cabeza

-Inchazón de pálpebras e pernas (cambras e inquietude nas mesmas)

-Insomnio

-Dificultades para respirar

-Comechón por todo o corpo

-Sensación de ardor na parte inferior do pé

-Dor de osos

-Cor de pel amarelento

-Dificultades eróticas e/ou sexuais

Esta enfermidade habitualmente non produce dor nin malestar e, en moitos casos, non se terá sensación de enfermidade, incluso aínda que se perdese gran parte da función renal. Sen embargo, a labor de seguimento nas consultas de Nefroloxía e a adherencia á medicación e hábitos de vida saudables poden retrasar a progresión da enfermidade.

Son moitas as razóns polas que a función renal pode diminuír. Dúas das causas máis comúns son a diabetes e a hipertensión, vencelladas moitas veces á falta de hábitos de vida saudables como a boa alimentación, a práctica de exercicio físico regular ou unha axeitada toma de medicación. Realizar analíticas de sangue anuais, axuda a vixiar a saúde dos riles.

Existen outras causas que poden derivar na aparición de enfermidade renal: a consecuencia doutras enfermidades ou por causa xenética.

A enfermidade renal, clasifícase en cinco estadios segundo a función do filtrado que os riles realicen das substancias tóxicas do corpo, isto detéctase nas análises de ouriña e de sangue.

Nesta táboa amósanse os diferentes estadios:

ESTADIO

TIPO

1

Dano renal con filtrado normal

2

Dano renal con filtrado lixeiramente diminuído

3

Dano renal con filtrado moderadamente diminuído

4

Dano renal con filtrado gravemente diminuído

5

Fallo renal

Os estadios 1, 2 e 3 son os que se denominan Insuficiencia Renal Crónica (IRC), sendo o 4 e o 5 os que se denominan Enfermidade Renal Crónica Avanzada (ERCA).

Cando se produce o fallo renal (estadio 5) é o momento no que as persoas deben comezar a recibir algún tratamento renal substitutivo: diálise ou transplante; ou ben un tratamento conservador paliativo.

Os diferentes tratamentos renais substitutivos son:

Diálise: tratamento que substitúe a función renal perdida e elimina as substancias de refugallo do corpo e o exceso de líquidos.

Existen 2 modalidades de diálise:  hemodiálise e diálise peritoneal.

 

NOME

PROCEDEMENTO

FRECUENCIA

VANTAXAS

DESVANTAXAS

TRATAMENTOS HOSPITALARIOS

Hemodiálise

A sangue sae do corpo a través dunha fístula colocada no brazo ou a través dun catéter (iugular ou femoral) cara unha máquina que limpa o sangue.

3 días a semana durante 4 horas.

Opción de tratamento máis frecuente

Supervisión presencial dun profesional cualificado

Desprazamentos ao centro hospitalario

Dependencia hospitalaria

Restricións alimentarias e para inxerir  líquidos

TRATAMENTOS DOMICILIARIOS

Diálise peritoneal ambulatoria continuada

Limpeza das substancias de refugallo do corpo a través dunha membrana dobre chamada peritoneo (que se atopa no abdome), por medio dun líquido limpador que se introduce na membrana por medio dun catéter.

Cada 4/6 horas realízanse intercambios de liquido por medio de intercambios de bolsas.

Posibilidade de facelo en casa.

Maior adaptabilidade horaria

Maior independencia

Maior facilidade para compatibilizar cunha vida laboral.

Necesidade de ter un espazo no domicilio para almacenar o material.

O acceso a un profesional non é tan inmediato como na hemodiálise hospitalaria.

Diálise peritoneal de ciclo continuo

10 – 12 horas, durante a noite, conectado á máquina que realiza o mesmo procedemento

Hemodiálise domiciliaria

Igual procedemento que a hemodiálise hospitalaria

Dependendo das persoas, pode ter a mesma frecuencia que a hemodiálise hospitalaria ou reducir o tempo diario pero facelo todos os días.

Restricións alimentarias e de líquidos

Posible necesidade de supervisión dunha terceira persoa (familiar e/ou coidador)

                                   Imaxe dereita diálise peritoneal manual, imaxe esquerda automatizada

Transplante: consiste en recibir un órgano san doutra persoa. Esa doazón pode facerse:

o   Doante vivo: familiar ou amizade que teña un órgano compatible coa persoa receptora do transplante e quen de maneira altruísta o queira doar.

o   Doazón cruzada; as persoas doantes e as receptoras non son compatibles entre si. Sen embargo, o doante de cada par si é compatible coa persoa receptora do outro par. Se as persoas doantes e as receptoras están de acordo, procédese á doazón.

o   Doante falecido: quen antes de morrer fixera o testamento vital ou o documento de instrucións previas ou ben se fixera doante e/ou os familiares aceptasen doar os órganos.

o   Transplante do bo samaritano: un persoa anónima decide doar un órgano a unha persoa que o necesite.

É importante destacar que órganos se poden doar en vida e cales se doan tras falecer:

⮚ Órganos que se poden doar en vida:

  • Ril: debido a que é un órgano dobre as persoas transplantadas de ril reciben só un ril que é transplantado na zona baixa do abdome.

  • Pulmón, fígado e páncreas: transplántase un anaco.

Órganos que se doan despois de falecer:

  • Ril (2), pulmón, fígado, páncreas, corazón e intestino.

A aparición dunha enfermidade renal, provoca cambios na vida das persoas diagnosticadas así coma dos seus familiares.

-Modificacións na economía familiar: perda de traballo, imposibilidade de axustar a xornada laboral ao tratamento renal substitutivo, incapacidade laboral, etc.

-Cambios de rol na familia: aparece o rol de persoa enferma, as visitas continuadas ao centro hospitalario, as obrigas do tratamento…

-Alteracións nas relacións sociais e nas actividades de ocio realizadas: illamento social, falta de interese por realizar actividades.

-Aparición de trastornos psicolóxicos como a ansiedade, depresión, etc.

-Cambios nos roles e rutinas das persoas diagnosticadas así como dos seus familiares.

-Dificultades sexuais ou reprodutivas.

Empregamos cookies propias e de terceiros para fins analíticos en base a un perfil elaborado a partir dos seus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Podes obter máis información ou ben coñecer como cambiar a configuración na nosa política de cookies.   
Privacidad