XA QUE PODEMOS, DOEMOS
Doar órganos non ten contraindicacións nin efectos secundarios negativos. Calquera ser humano pode doar , sen distinción de sexo, raza, nacionalidade, condición social , idioma ou opinión. Para doar non é necesario ter estudos superiores nin inferiores. Doar non contradí ningún artigo da constitución e cumpre por completo todas as lexislacións vixentes. Poden ser doantes os votantes de dereitas, de esquerdas, os de centro, os nacionalistas, os anarquistas e os independentistas. A doazón é compatible con calquera crenza relixiosa, pois ningún dos distintos ceos e infernos presentes nas relixións require presenza física, nin polo tanto a presenza dos órganos, así como tampouco este requirimento existe, por motivos obvios, nas relixións que propugnan a idea da reencarnación. Poden doar órganos os seguidores do Real Madrid, do Barcelona, do Celta, do Deportivo e incluso os da Ximnástica de Torrelavega. Doar non significa unicamente facer feliz á persoa transplantada. Doar significa facer feliz á súa familia e a todo o seu entorno, incluídos amigos de facebook e seguidores de twiter e instagram, entre outros. Un só doador ou doadora pode tranquilamente facer feliz de súpeto a cen, a duascentas, a trescentas… a moitas persoas ó mesmo tempo. Non hai mellor herdanza que deixar. Non hai ninguén ó que non lle gustaría facer feliz a tanta xente, e por riba sen máis esforzo que facer un simple carné. Non hai argumentos en contra. E é tan difícil atopar algo sen argumentos en contra, que o mellor é que aproveitemos este inusual consenso, e xa que podemos, doemos.
Jose Prieto